Comunicado do 5/07/2012

NOTA DE PRENSA: Convenio da Concellería de Deportes e a Federación Galega de Montañismo

O rocódromo municipal de Pontevedra servirá para formar aos primeiros monitores de escalada de toda Galicia.
Convenio da Concellería de Deportes e a Federación Galega de Montañismo
Pontevedra, 5 de xullo de 2012 
Pontevedra acolle o primeiro curso de formación de monitores de rocódromo, polo que todos o persoal titulado que exercerá esta actividade en Galicia durante os próximos anos estará na cidade entre o o próximo venres, 6 de xullo, e o domingo, 15 de xullo.
A elección de Pontevedra débese ás características do rocódromo do Pavillón Multiúsos da cidade e ao convenio que hoxe asinaron o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández, e o presidente da Federación Galega de Montañismo, Adolfo Puch. Un total de 18 alumnos/as están xa matriculados.
A utilización do rocódromo municipal estará limitada durante as dúas próximas fins de semana, de venres a luns, para posibilitar as actividades formativas dos futuros monitores. A duración prevista é de 40 horas. A Concellería de Deportes tamén facilita dous vestiarios (masculino e feminino), así como unha aula de estudo no Pavillón Municipal dos Deportes.
O curso está dirixido a persoas maiores de idade, con licenza federativa de montañismo en vigor neste ano con inclusión do deporte da escalada e un nivel deportivo mínimo. Esixiuse unha experiencia previa, acreditada coa presentación dunha listaxe de 50 vías dunha dificultade determinada, escaladas en tres escolas de escalada diferentes.
Hai varios anos que os clubs de Galicia veñen demandando unha figura titulada e capacitada para atender aos federados nas estruturas artificiais de escalada. O plan de estudos do curso que se imparte en Pontevedra é froito dun traballo exhaustivo da Escola Galega de Alta Montaña e a Federación Galega de Montañismo.
O rocódromo de Pontevedra considérase o mellor de Galicia no apartado de formación, dado que inclúe diversos niveis de dificultade e características técnicas.
As persoas que superen o curso atenderán aos federados de montaña nos seus inicios e na mellora da técnica de escalada. Exercerán como axentes dinamizadores dos rocódromos, fomentado a práctica deste deporte con seguridade, tanto entre os nenos como os adultos.
No curso participarán alumnos de toda Galicia. Están matriculados participantes de Ferrol, Santiago de Compostela, Ourense, Vigo e Pontevedra. Coa cesión das estruturas municipais, a Concellería de Deportes obtivo a matrícula gratuíta de dous alumnos, que foron seleccionados directamente polo Club de Montañeiros de Pontevedra.

Descárgao en pdf aquí 


PRENSA
TENENCIA DE ALCALDÍA


Share Button