COMUNICADO DO 24/11/2011

Dende estas liñas, quero agradecer a colaboración de tódolos federados para o bo desenvolvemento do proxecto federativo no 2011, e invitar a participar a tódolos montañeiros nas diversas actividades que se ofertan para o próximo 2012.
O calendario da Federación do 2012 trata de ser un punto de encontro entre os federados galegos, así como unha canle de intercambio entre os clubes, e de fomento das nosas áreas de competición.
Este ano ofértanse moitos máis cursos que en anos anteriores, como un modo de ampliar os coñecementos dos nosos federados sobre o mundo do montañismo, para poder afrontar con seguridade novos retos na práctica do noso polifacético deporte en vertentes tan dispares como o sendeirismo, a orientación, escalada en rocha, en xeo ou de competición, esquí de montaña, barranquismo, andainas de 50 kms, carreiras por montaña e alpinismo.
A Federación está a traballar en diversos campos co fin de potenciar a práctica do montañismo. Entre eles destacaremos as accións encamiñadas ós nenos, e a difusión a través da rede dos éxitos deportivos da Federación Galega. Deste xeito, estamos a traballar con varios colexios de Galicia nunha campaña de captación de nenos. En decembro publicaremos o número 2 da nova etapa da REVISTA CUMES da nosa Federación en formato telemático, así como o novo folleto de promoción da Rede de Refuxios da F.G.M. con edición en pdf na nosa web e formato de imprenta para proceder á súa distribución.

 

FGM
Share Button