CARA NORTE DO EIGER

Sentímonos moi contentos pola publicación deste artigo sobre a escalada da sempre desafiante cara Norte do Eiger realizada polo noso compañeiro Carlos Garrido.

Artigo de Carlos Garrido:

A Cara Norte do Eiger, esa conxunción de palabras que de tan só escoitalas fai arrepiar a calquera que coñeza o significado, transportándoo a un escuro e frío mundo vertical, rebordado de historia e traxedia. Se existe unha escalada que todo aquel que se considere alpinista soña con poder arremeter, esa e a Norte do Eiger. Lóxicamente tamén é o meu caso.

Lembro perfectamente o libro que me achegou á historia de esta abraiante mole, “La Araña Blanca” do alpinista austríaco Heinrich Harrer, membro daquel primeiro equipo que en Xullo do 1938 soubo vencer o último gran problema dos Alpes pola vía coñecida como “Heckmair”. Aquelas páxinas abríronnos a varias xeracións de alpinistas as entrañas desa parede, as súas seccións, misterios e dramáticas tentativas. Por suposto, dende o momento no que o lin sentín un inevitable estímulo de atracción e rexeitamento. Atracción polos segredos que garda, por pisar e percorrer por min mesmo un anaco de historia á vez de compracer un fondo e ilóxico instinto que empurra a subirse por alí. Rexeitamento por todo o horror que representa, tódalas vidas roubadas e a súa traza hostil e ameazante.

E doado comprendelo impacto que orixina en calquera escalador ou paseante, resta con poñerse debaixo e deixarse abraiar polos 1800 metros de altitude coa súa figura cóncava e piramidal; rocha negra con toques de neve e xeo, un verdadeiro Ogro con corpo de montaña.

Meirande parte do seu encanto reside inevitablemente na súa historia, escaladores austríacos, alemáns e italianos competiron por amosar ao convulsivo mundo da pre-guerra  quen eran os máis ousados, todo aquilo perfectamente visualizado e transmitido dende a estación Kleine Scheidegg, onde os hoteis de luxo a unha hora escasa da parede, contrastan coa hostilidade e tráxicas situacións vividas nesta. Coma unha especie de “Gran Irmán” extremo e en directo, onde as pausas adoitaban ser as nubes que devoraban a parede e os alpinistas, para prender aínda máis a chama do acaloramento nos espectadores de semellante realidade.

Por desgraza, o Eiger tragou moitas vidas, tanto antes do seu primeiro ascenso como logo, entre elas as dos prodixiosos escaladores aragoneses Alberto Rabadá e Ernesto Navarro. Por sorte, na actualidade xa non presenta un risco tan extremado, temos que ter en conta que case tódalas ascensións tiñan lugar no estío, cos días máis longos e maior inestabilidade meteorolóxica a causa das treboadas. A isto lle temos que engadir que a parede semella un verdadeiro entullo pola fraxilidade da rocha. A día de hoxe a información, os novos materiais e mellores ferramentas permiten afrontala no inverno, co tempo máis quedo e suprimindo o risco de caída de pedras grazas a cohesión que aporta o xeo e a maior estabilidade das temperaturas. Sen embargo, escalala no inverno precisa dun bo control das técnicas de escalada mixta (piolets e crampóns pola rocha) e ser moi veloces ou aprestarse para o máis que predicible vivac.

A ruta debuxada polos seus primeiros escaladores ou vía “Heckmair” é a máis repetida, aínda que atopamos moitas outras, esta amosa o percorrido máis

lóxico eludindo os muros verticais e procurando o paso entre os distintos neveiros e corredores que compoñen a complicada xeometría de esta inmensa parede. Non en van, percorre 2700 metros para salvar os 1800 metros de desnivel que ostenta a cara norte.

Pois coa lección ben aprendida e memorizada, tan só resta agardar o momento, e ese momento chega o pasado 12 de decembro, tan axiña que case non da tempo a dixerilo. As cartas están botadas e as contas cadran, coñecemos grazas as redes sociais e internet que a vía estase a facer, non nas mellores condicións pero factible. Sabemos tamén que temos un potente anticiclón dominando o arco alpino dende moitos días atrás e non parece retirarse. Por outra parte o incansable compañeiro de aventuras pola casa, Edu González, está disposto e co “piolet na boca”. Mentres botamos as contas dos días que imos precisar, xúntase á cordada a terceira pata que da estabilidade ó banco, Tato Esquirol, un alpinista catalán como a copa dun pino e aventureiro onde os haxa. A cousa está clara e nunca estivo tan de cara así que ao lío!

Co tempo máis que xusto para amañar o imprescindible, o día 12

pola tarde poñemos a furgoneta rumbo ó país das montañas, do queixo con buracos e o combustible máis caro de Europa. Chegamos a Grindelwald

o día 13 ó mediodía, cun par de horas por diante para xantar algo e preparalas mochilas antes de coller o derradeiro tren que sube a Kleine Scheidegg. Escasamente temos tempo para deleitarnos contemplando a parede, ás cinco da tarde é noite pechada pero a lúa chea asoma tralo Eiger, contribuíndo a luminosidade necesaria para aproximar baixo o perfil do coloso. Sen saber moi ben onde pasala noite sen ter que peñorar un ril, topamos abrigo no bandullo dun remonte da estación de esquí. Con todo o luxo que podemos precisar, ata un banco de traballo onde poder amolar a ferramenta, deitámonos unhas horas antes que soe o espertador as 4 da madrugada…chegou a hora!!

Coas pilas cargadas e os frontais acesos comezamos a escalar por tras dun par de cordadas máis madrugadoras ás que cedo perderemos de vista. Comeza  Edu a tirar da maquinaria namentres o primeiro longo de corda delátanos de que vai a cousa, un IV desplomado para espertar tamén os bíceps. A pouquiños imos gañando altura facendo longas travesías por terreo sinxelo con algún pasiño. Vai frío pero nada equiparable ó que podería ser tendo en conta as datas e o sitio. Clarexa o día baixo a “fisura difícil”, o primeiro longo delicado da ruta. De non ser pola morea de pitóns cotrosos e cordinos levaríanos máis esforzos dos desexados. Mentres nos consagramos abofé á escalada, adiántanos pola dereita unha xove cordada de rapaces suízos que polo seu equipamento semella que van escalar deportiva, un anaco de cintas express e un macuto de ir botar un paseo. Visto e non visto, non nos acouga que nos poidan quitar asento no vivac. Incrible ver cómo se move esta xentiña polo monte.

En tanto chegamos á famosa travesía “Hinterstoisser” e é Tato o que lidera a cordada. Esta travesía supón un dos pasos mais custosos da ruta “Heckmair”, e na actualidade topámola equipada con cordas fixas; de non ser así faríase obrigado realizar un complexo péndulo para salvalo muro liso e vertical que atravesa. Proseguimos sobre boa pegada o primeiro campo de neve ata topar con longo da “mangueira”. Dada a escaseza de neve na parede, a mangueira está totalmente enxoita e no seu sitio achamos un muro de rocha vertical e compacto onde unha corda de 8mm é o único medio para poder

trepar e asegurarse. Continuamos lixeiros polo segundo neveiro ata a base do longo da “prancha”. Tócame tirar a min e me embarco por onde máis teso é, apertando máis da conta…comezamos ben. Seguimos ata o coñecido “Vivac da morte”, unha pequena repisa con cabida para dous onde Max Sedelmayr e Karl Mehringer atoparon o fatal desenlace tras tres días de tempestade na parede en 1935, durante unha das primeiras tentativas.

Nós decidimos continuar a buscar o vivac da “Travesía dos Deuses”, está a piques de caer a noite pero é importante percorrer a meirande parte da parede no primeiro día se queremos chegar con luz ó cumio o segundo. Xa de noite encarámolo tramo da “Rampa”, quizais a sección que no seu conxunto ofrece as maiores dificultades da vía, uns cantos longos duros cotados entre V e V+ da época que entre a fatiga acumulada maila precariedade de escalar coa luz do frontal rematan comigo. A falla de tres longos para chegar o vivac pásolle o relevo a Edu que tira coma unha besta, máis polas gañas de atopar o merecido repouso que por continuala escalada. Faise a “travesía descomposta”, realmente rota e sen neve que de algún sustento e un derradeiro longo vertical sobre rocha decente pero de fiar miúdo e tirar coas mans. Xa por fin, a unha da mañá chegamos ó vivac. Esnaquizados e envoltos nin frío nada desprezable fundimos neve, ceamos e nos hidratamos antes de caer fundidos na angostura das nosas repisas, que neses intres semellan un luxoso hotel no medio dun medio hostil pero redundante de beleza.

Catro horas despois de durmir a ratiños, remexéndonos nos sacos e procurando fuxir do frío e da cegadora luminosidade da lúa chea sobre as nosas facianas, soa o espertador. Curiosamente, para miña sorpresa, teño gañas de saír do leito e poñerme a trepar canto antes. O día alborexa marabilloso e estamos onde sempre desexáramos. E hora de vivir!

Un liofilizado para o corpo e unhas barriñas ó peto, toca deixar o niño e rematar a espectacular e aérea “Travesía dos Deuses”, xa sabemos porque lle chaman así. De seguido entramos na “Araña”, un neveiro descarnado e mantido a 50-55 graos, desbordante de que frío que nos impide amornar o corpo, aínda que si os miolos. Entre treitos de neve dura asoma o xeo negro, que dificilmente permite cravar as punteiras dos crampóns. Nun par de ensambles de corda atravesamos esta mítica sección e a deixamos atrás para meternos nas “fisuras de saída”. Tócalle tirar a Tato un par de longos bonitos e gozosos antes de apertar noutro dos supostos “quintos” que nos deixa no “Vivac Corti”. O de vivac debe ser para enganar ó persoal, pois está lonxe de ser sequera unha repisa, escasamente un recunchiño onde sentarse e onde o italiano pasou inesgotables horas ata que acadaron rescatalo dende a parte superior da montaña, durante o que sería o primeiro salvamento dende enriba nesta parede.

Tralo vivac Corti as dificultades amainan e a parede nos regala uns derradeiros longos de escándalo, percorrendo perfectas goulottes e mixtos divertidos antes de darlle ó relevo a Tato e saír a cazala aresta Mitteleggi. A aresta é o colofón a semellante ascensión, 400 metros aéreos onde saborear cada paso que leva ó cumio, envolto nun ambiente abraiante de luces, glaciares, engaiolantes e afastadas montañas, con todo o abismo da cara norte baixo os pés. Instantes nos que as emocións amoréanse por facerse un oco no cerebro ante a beleza que transmiten os ollos. Se dúbida algo inesquecible que cada un vivimos dende os nosos adentros.

As catro da tarde pisámola cima, apenas uns intres para recoller e botar unhas fotos ó solpor que nos lembra que a escuridade anda preto e nós estamos moi lonxe do chan aínda.

Curiosamente, aínda que agora resulte chistoso, ningún léramos apenas nada da baixada. Ten delito. Ofuscados por cómo subir, non nos preocupamos por cómo baixar. Un erro que se pode pagar moi caro segundo onde se cometa. Por sorte Edu é un autentico experto en baixarse por tódolos sitios aterradores, así que confiamos na súa habilidade e na nosa intuición.

Botamos hora e media en chegar a un collado onde nos parecera ver xente dende o cumio. A suposta xente resultou ser unhas laxes de máis de trinta metros, aínda non lle temos collida a medida a isto, está claro. No collado pérdense as pegadas que íamos seguindo e comezan as dúbidas. Na metade da noite ningunha opción semella evidente nin factible,  así que antes de comezar coa festa do rápel cara ningures tiramos do “comodín da chamada”. Sorte que Javi Mercury, un colega que escalara a cara norte anos atrás lembraba á perfección a baixada. Logo de partirse da risa un anaco explícanos, non sen inquietarse un pouco, que tal como supuñamos imos mal. Por sorte, grazas as indicacións de Javi, facemos un flanqueo exposto que a escuridade da noite amortece e nos topamos de fronte coa pegada boa. Aínda con todo a baixada ten a súa miga e tras incontables retrepadas acadamos poñelos pés por fin na estación Kleine Scheidegg as dez da noite. Lóxicamente o tren está pechado a esas horas, así que non nos queda outra que enchufalo modo “walking dead” e arrastralos pés os 1000 metros de desnivel e 11 quilómetros de pista que nos afastan da tan desexada “frigoneta”.

Ó día seguinte sen repousar o que nos pedía o corpo, quilometrada de retorno á casa que toca entrar a traballar, non sen algunha que outra aventuriña por falla de combustible, rematamos estes intensos días plenos de emocións e actividade.

Nos últimos tempos, cada vez máis as actividades ou os éxitos mídense en números, ben, pois a nosa ascensión levounos nada máis e nada menos que unhas 44 horas dende o pé de parede ata o coche,ou 35 horas de escalada en total. Se temos en conta que no 1974 Reinhold Messner e Peter Habeler fixeron a vía en 10 horas, e que o actual rexistro de velocidade ostenta  unha marca de 2 horas e 47 minutos ó cargo de Ueli Steck, nosa ascensión poderíase estimar coma un fracaso. Pois ben, nada máis lonxe para nós. Por sorte no alpinismo os éxitos non só os marca unha cifra, se non o esforzo, o afán, o traballo e a ledicia vividas, foron os factores que fixeron de esta actividade un gran triunfo que xamais esqueceremos.

Carlos Garrido

A seguir escalando e desfrutando das montañas.

As fotos non están directamente relacionadas co parágrafo.

Share Button
  • Estamos en Facebook!

  • DESCARGAS

  • FOTOS DAS ACTIVIDADES

  • 2017 COPA GALEGA CARREIRAS POR MONTAÑA

  • 2017 COPA GALEGA DE ESCALADA

  • 2017 COPA GALEGA ANDAINAS 50 KM

  • 2017 COPA GALEGA ANDAINAS MEDIA DISTANCIA

  • 2017 MARCHA NÓRDICA

  • 2017 Alto Atlas Marroquí

  • 2017 DÍA DO SENDERISTA DE ESPAÑA

  • METEOROLOXÍA